O concerto de Mamá Cabra o luns na Praza do Convento poñerá broche final aos actos desta semana cultural. A radio municipal de Melide contará este venres con programación especial dedicada do Día das Letras.
Os
actos da Semana
da Letras e das Artes organizados
pola Concellaría de Cultura con motivo do 17 de maio chegan este
venres á radio municipal de Melide. A concelleira desta área
nacionalista do goberno, Conchi Castro, explicara xa en rolda de
prensa que dende o Concello se fixera unha aposta por “estender os
actos conmemorativos do 17 de maio a toda a semana, para ir máis aló
da celebración esporádica dese día tan sinalado”. Respondendo a
esta liña de actuación, a radio municipal terá en sesión de mañá
e tamén de tarde, uns espazos dedidados a todo canto representa a
data que se celebra o domingo: por un lado a vida e obra do autor
homenaxeado, e por outra a importancia de manter viva a forza do
idioma galego.
Así,
ás doce da mañá deste vernes, RadioMelide ofrecerá un programa
especial, conducido polo técnico de Normalización Lingüística do
Concello, Xaquín Vázquez, no que se falará da vida e da obra de
Xosé María Álvarez Blázquez, a quen este ano se rende homenaxe o
17 de maio. Neste espazo radiofónico abordarase a importancia da
figura de Álvarez Blázquez para as letras, a historia e a
arqueoloxía de Galiza.
Outro
dos aspectos que se reivindica cada 17 de maio é a situación que
atravesa a lingua galega. Ese será un tema que se tratará tamén en
RadioMelide o venres 16, nun programa que se emitirá ás 18 horas, e
no que se dará a coñecer un estudo sobre o uso do galego no
comercio melidao, realizado polo equipo de Normalización Lingüística
do colexio Mestre Pastor Barral. Xesús Expósito, técnico deste
grupo de traballo do Pastor Barral acompañará ao responsable de
Normalización do Concello de Melide no desenvolvemento deste
programa.
Amais,
o domingo 18 celebrarase na Alameda de Santiago de Compostela a
manifestación que como cada ano convoca A Mesa pola Normalización
Lingüística para reivindicar a situación do galego na nosa
sociedade. O Concello de Melide, que xa anunciou a súa adhesión ao
manifesto da Mesa, facilitará a participación de toda a veciñanza
a esta manifestación
dispoñendo un autobús que partirá da parada do autobús Freire
(liña Lugo-Santiago) ás 10.30 horas da mañá do domingo.
Actividades
conxuntas dos colexios
Dada
a festividade do propio día 17, os tres
colexios de Melide decidiron centralizar no luns 19 unhas serie de
actividades conxuntas na que participarán todos os escolares da
vila. Esta xornada de convivencia desenvolverase ao aire libre na
praza do Convento, a non ser que as condicións climatolóxicas non o
permitan. De ser así, as actividades desprazaríanse ao pavillón do
IES de Melide.
Será
ás 10.30 horas da mañá
cando dea comezo o programa, que abrirá cun relatorio sobre a vida
de Álvarez Blázquez e a súa achega á cultura galega, un xeito de
familiarizar aos escolares co homenaxeado no Día das Letras deste
ano. Posteriormente o alumnado de Melide asistirá a un recital de
poemas de Blázquez, e posteriormente á representación dunha obra
de teatro especialmente escollida para esta ocasión.
Como
broche de ouro a esta xornada de convivencia que ten como nexo o
idioma e a cultura de Galiza, os escolares asistirán a un concerto
do grupo Mamá
Cabra, unha
actuación musical na os rapaces e rapazas terán unha participación
activa. Mamá
Cabra
é un grupo formado por sete músicos, que está a destacar pola
calidade da súa música viva e chea de ledicia, que ofrece un
espectáculo activo para os máis pequenos, baseado no xogo e no
baile. Mamá
Cabra
vén de ser galardoado co Premio
á mellor canción en galego
nos Premios da Música.
Logo
da actuación musical realizarase a entrega de Premios do Certame de
Contos que organizaron conxuntamente os tres colexios de Melide.
Nota de prensa concello de Melide.
Votar favorito (33) | Visto: 914
Powered by AkoComment Tweaked Special Edition v.1.4.6 |